Friday 26 de April de 2024

A Xunta conmemorará o centenario de María Casares cunha gran programación escénica, audivisual, editorial e académica dentro e fora da comunidade


— O Goberno autonómico impulsa en 2022 o centenario do nacemento da actriz xunto a entidades como a Biblioteca Nacional de España ou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entre outras

— En colaboración coa Embaixada española en Francia e o Instituto Cervantes achegarase ao público francés a pegada galega e española con distintas accións

— Porase o foco na escena teatral con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais

— O festival de teatro, danza e arte da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, dedicará a súa oitava edición á artista e presentará unha peza na súa honra

— Exposicións con pezas orixinais, conferencias, así como documentais e un espazo dixital específico para divulgar as iniciativas en marcha completan o programa

A Xunta de Galicia impulsará en 2022 unha programación extensa e descentralizada para conmemorar o centenario de María Casares e dar visibilidade ao legado da artista tanto dentro como fóra da Comunidade a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes.
Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, na presentación da programación que, como indicou, é posible grazas á implicación e compromiso de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

O titular de Cultura da Xunta salientou a necesidade de poñer en marcha unha programación como esta para dar resposta á “débeda histórica que temos con esta artista universal que é, ademais, unha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo”. Puxo de manifesto a súa capacidade para poñer en marcha “unha escola interpretativa propia que abriría oportunidades para moitas mulleres da súa época” e valorou o seu traballo por apoiar aos novos creadores e producións trangresoras.

“Consideramos que, con estas credenciais debemos renderlle unha homenaxe que permita abordar con xustiza, respecto e profundidade unha figura tan poliédrica como a de Casares”, expresou. A Xunta, en colaboración con distintas entidades impulsan unha programación “o máis ambiciosa posible, diversificada e plural” para darlle á artista coruñesa “a visibilidade que merece”.

Proxección internacional
Neste sentido, a programación prevista estenderase máis alá de Galicia. Así, actualizarase a pegada da actriz coruñesa ante o público francés, a través dun proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra fotográfica no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia).

En Galicia, a programación porá o foco na escena teatral, con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais. Celebrarase unha edición especial dos Premios María Casares e programarase Continente María, unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Ainé Produccións baixo a dirección de Tito Asorey. Poderá verse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén se subirá a escea o espectáculo Política sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus, do autor Javier Villán baixo a dirección de David Loaysa, que se centra na relación entre o Nobel francés e a artista coruñesa. Estrearase en Santiago e percorrerá distintos lugares de Galicia.

Ademais, o festival de Inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do Cambio, dedicará a súa oitava edición a María Casares e, neste contexto, presentará unha peza de nova creación inspirada nela e interpretada por mulleres.

Ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia
Tamén se promoverán diferentes producións audiovisuais para ilustrar o amplo percorrido de Casares. Así, de xuño a novembro, a Filmoteca de Galicia incluirá un ciclo audiovisual específico sobre a artista coruñesa no que se poderá ver o seu traballo no mundo do cinema e se proxectarán documentais e programas para televisión nos que a propia María Casares tratou a súa biografía.

A programación conmemorativa inclúe a difusión, nas salas de cine de Galicia, do documental Vitola. Actriz universal, da produtora Manarte Produccións, cuxa estrea está prevista para o mes de xuño. Outro documental, neste caso María Casares: a muller que viviu mil vidas, realizado en colaboración con Agallas Films e a CRTVG, propón unha aproximación á vida da actriz e unha homenaxe á súa terra natal. Está prevista a súa estrea na Coruña e proxectarase tamén en salas de Madrid e Barcelona.